Estudantes de Medicina e de Fisioterapia comezan as prácticas no complexo hospitalario pontevedrés

Pontevedra
09 de setembro 2024

Ao longo desta semana o alumnado inicia o seu plan de formación práctica, no que rotarán por diversos servizos dos hospitais Provincial e Montecelo, o centro de especialidades de Mollabao e o centro de saúde de A Parda

Recepción aos estudantes de Fisioterapia
Recepción aos estudantes de Fisioterapia / Sergas

O salón de actos do hospital Montecelo acolleu este luns o acto de benvida aos 28 estudantes de sexto ano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, que inician o seu curso académico no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. 

Ao longo desta semana, estes alumnos comezan o seu plan de formación práctica, durante o que rotarán por diversos servizos especializados dos hospitais Provincial e Montecelo, polo centro de especialidades de Mollabao e polo centro de saúde de A Parda.

Divididos en dous grupos, estes 28 alumnos de sexto curso de Medicina levarán a cabo rotacións, regradas e obrigatorias, por servizos coma Urxencias, Cirurxía Xeral, Medicina Familiar, Rehabilitación, Nefroloxía, Psiquiatría, Pediatría, Obstetricia e Xinecoloxía, Psiquiatría, Pneumoloxía, Neuroloxía ou Medicina Interna, entre outros, sempre baixo a supervisión dos seus respectivos titores coordinadores, para, finalmente, ser avaliados ao remate do curso académico.

Este é o décimo ano que o Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés imparte de xeito completo o último curso do grao de Medicina, trala súa declaración coma hospital universitario a finais do ano 2012. 

BENVIDA AO ALUMNADO DE FISIOTERAPIA

Tamén esta mañá se lle deu a benvida no salón de actos do hospital Montecelo a un primeiro grupo de 42 alumnos en prácticas de cuarto curso do Grao de Fisioterapia do campus pontevedrés da Universidade de Vigo. 

Nesta recepción, a unidade de Docencia organizou tres ponencias introdutivas de gran relevancia de cara ao seu exercicio profesional como son o compromiso de confidencialidade, o segredo profesional e a intimidade do paciente.

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibirá neste curso 2024/2025 preto de 150 estudantes de Fisioterapia en diferentes periodos, que realizarán as Estadías Clínicas nos tres hospitais da área de saúde así coma en centros de Atención Primaria. 

A finalidade deste período formativo é o de adquirir as competencias necesarias para completar o seu currículo universitario e obter a titulación que lles permitirá desenvolver a súa profesión sanitaria.