Nun prazo de dous meses, a Zona Franca e o Concello de Caldas de Reis presentarán o estudo de viabilidade do polígono industrial de Paradela-Carracedo, un documento que ten como obxectivo analizar as posibilidades existentes para o seu desenvolvemento.
Este foi o principal asunto abordado no encontro que mantiveron o delegado da Zona Franca, David Regades, e o alcalde do municipio, Jacobo Pérez.
Nel, ambos os dirixentes repasaron tamén a situación na que se atopa o polígono de Veigas de Almorzar e o de O Pousadoiro, que Caldas comparte con Vilagarcía de Arousa.
A este respecto, Regades e Pérez deixaron clara a súa intención de seguir impulsando solo industrial para dar resposta á demanda do tecido empresarial da comarca.
En Paradela-Carracedo, o ámbito de desenvolvemento é de 862.056 metros cadrados, situado nunha zona estratéxica, con fácil acceso ás infraestruturas como a AP9, e cunha boa acollida das empresas da comarca que xa expresaron o seu interese no desenvolvemento deste ámbito.
Unha vez finalizado o estudo de viabilidade, Zona Franca e o Concello convocarán un encontro co tecido empresarial da zona para que o coñeza.
No caso do polígono de Veigas de Almorzar, analizarase a situación e desde o Concello traballarase para avanzar no plan de infraestruturas e dotacións en colaboración co resto das administracións.
Finalmente, sobre a ampliación do Pousadoiro, está a ultimarse a redacción do convenio entre os dous concellos e a Zona Franca no primeiro trimestre deste ano, para poder desenvolver este novo ámbito a través dun instrumento de ordenación do territorio.
"Caldas ten o compromiso de Zona Franca de contribuír e colaborar na xeración de riqueza e a creación de emprego", subliñou o delegado do Estado, que destacou a "puxanza" dun municipio que "historicamente conta cun sector industrial moi forte".
O rexedor, pola súa banda, reiterou que desde o Concello "imos tentar avanzar" en todos os polígonos e zonas industriais da localidade para "lograr un maior e mellor asentamento das empresas e impulsar emprego con mellores condicións laborais".