Obter unha visión "real e actual" da situación residencial en Pontevedra para poder tomar "decisión en consecuencia". Ese é o obxectivo, segundo subliñou este xoves o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, do estudo sobre a vivenda encargado polo Concello.
O goberno municipal destinará preto de 97.000 euros a impulsar este estudo que, unha vez contratado, terá que estar elaborado nun prazo máximo de nove meses.
Será un estudo "complexo e completo", garantiu Fernández Lores, co que busca "contrastar" toda a información que existe de maneira "dispersa" en materia de vivenda.
Unha das principais liñas de traballo será analizar a edificabilidade actual e futura de Pontevedra, partindo do plan urbanístico vixente e as posibilidades que se abrirían de aprobarse un novo PXOM, coas limitacións que marca a Lei do Solo de Galicia.
É dicir, analizaranse as posibilidades de crecemento que ten Pontevedra actualmente e cantas vivendas se poderían construír baixo un hipotético novo plan.
O outro gran enfoque, explicou o alcalde de Pontevedra, será xerar unha "foto fixa" do mercado residencial na cidade, profundando en quen compra vivenda e cal é a capacidade adquisitiva da poboación pontevedresa.
Esta cuestión sería "fundamental" para que Pontevedra, á vista dos datos deste estudo, puidese solicitar a declaración de zonas tensionadas naqueles lugares onde os prezos da vivenda estean "moi por encima" dos recursos económicos dos cidadáns.
Ademais, os redactores do informe deberán de ofrecer unha visión da relación entre a vivenda pública e a privada ou abordar, especialmente, o mercado inmobiliario no centro histórico e a oferta actual de vivendas de uso turístico.
Neste último diagnóstico, os encargados desta análise poderán mesmo propor medidas correctoras ou de control se detectan zonas con exceso deste tipo de vivendas.
Entre outros aspectos, o estudo deberá cuantificar as vivendas baleiras e as segundas residencias que hai en Pontevedra ou definir as características da compravenda de inmobles, do aluguer de vivenda habitual ou do fenómeno dos pisos compartidos.
Actualizar os datos das áreas de rehabilitación integral ou mesmo propor novas como A Moureira ou Monte Porreiro, tamén está entre as finalidades deste traballo de investigación, así como o impacto que teñen no mercado as axudas destinadas a vivenda.