"Estupor e preocupación" na Fundación Galega contra o Narcotráfico polas saídas de prisión de Sito Miñanco

O Salnés
23 de xaneiro 2024

Nun comunicado, os responsables da fundación lembran que Miñanco é un "narcotraficante convicto" que presenta un risco de fuga "elevado", unha alta capacidade económica e unha "posibilidade manifesta" de reincidencia

Sito Miñanco, á saída da Audiencia Provincial de Pontevedra
Sito Miñanco, á saída da Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

A Fundación Galega contra o Narcotráfico expresou este martes o seu "estupor" ante os permisos penitenciarios concedidos ao narcotraficante Sito Miñanco para que poida saír de prisión, feitos que lles xera a "máxima preocupación".

Nun comunicado, os responsables da fundación lembran que Miñanco é un "narcotraficante convicto" que presenta un risco de fuga "elevado", unha alta capacidade económica e unha "posibilidade manifesta" de reincidencia.

"Ten pendente un xuízo polo que lle van a pedir 29 anos de cárcere e presupóñenselle diñeiro, contactos e motivos máis que suficientes para poder fuxir", sostén a entidade, que lembra que Sito Miñanco "fuxiu outras veces".

A súa última detención, subliñan desde a fundación, produciuse cando Miñanco estaba en terceiro grao "aproveitando beneficios penais para traficar".

A Fundación Galega contra o Narcotráfico apunta que "se queremos gañar a batalla ao narcotráfico o último que debemos facer é outorgar este tipo de incomprensibles permisos penais a grandes traficantes".

Ante esta situación, a fundación entende que se debe evitar a concesión de novos permisos e reforzar a vixilancia para evitar que volva fuxir ou continuar a súa actividade delituosa.

Como a concesión desta serie de permisos obedece a dereito, recoñece este colectivo, insta as autoridades a revisar de maneira "urxente e inaprazable" os criterios para outorgar estas autorizacións aos grandes capos da droga para que estas situacións non se repitan.

"Desgraciadamente este non é un caso illado", subliña a fundación, que denuncia que resulta "demasiado frecuente" ver como estes delincuentes "aproveitan permisos ou situacións de liberdade condicionada á espera de xuízo para seguir traficando".

Estes feitos, conclúe o seu comunicado, poñen de manifesto a necesidade de axilizar os tempos da xustiza para evitar que "criminais desta magnitude" estean aínda esperando un xuízo seis anos despois da súa detención.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora