Ethel Vázquez asegura aos traballadores de Elnosa que contribuirá a "conservar os postos de traballo"

Pontevedra
21 de abril 2015

Na xuntanza que mantivo cos empregados da compañía que opera na ría de Pontevedra, a titular de Medio Ambiente destacou que a Xunta de Galicia "entende a preocupación polo futuro dos postos de traballo" e manifestou a disposición do Goberno galego a "contribuír ao mantemento dos mesmos no momento en que a empresa presente un proxecto en firme en relación co seu futuro"

Xuntanza de Ethel Vázquez cos traballadores de Elnosa
Xuntanza de Ethel Vázquez cos traballadores de Elnosa / Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez Mourelle, trasladou este martes aos traballadores de Elnosa o seu compromiso de instar á empresa a definir o seu proxecto de futuro en Galicia.

Na xuntanza que mantivo cos empregados da compañía que opera na ría de Pontevedra, a titular de Medio Ambiente destacou que a Xunta de Galicia "entende a preocupación polo futuro dos postos de traballo" e manifestou a disposición do Goberno galego a "contribuír ao mantemento dos mesmos no momento en que a empresa presente un proxecto en firme en relación co seu futuro".

A conselleira lembrou que a normativa ambiental europea impide que a planta cloreira siga a operar coa actual tecnoloxía de mercurio máis alá de decembro do ano 2017, cando este tipo de actividade debe desenvolverse a través da tecnoloxía chamada "de membrana".

A conselleira, que estivo acompañada polo secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, informou aos traballadores de que a Xunta xa lle mostrou a súa "disposición de colaborar no propósito de conservar os postos de traballo".

Así, os responsables da empresa foron informados das distintas posibilidades de apoio financeiro que están á súa disposición, así como das vantaxes que ofrece o actual programa de venda de solo empresarial a prezo bonificado.

Arquivado en