O Plan de Saneamento Local da ría de Pontevedra recibirá o impulso da Xunta de Galicia grazas aos fondos do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, mediante os que o Goberno galego disporá dun total de 133 millóns de euros para a execución de obras hidráulicas, principalmente nas rías galegas.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, deu a coñecer este luns as principais liñas de actuación que executará a Xunta co financiamento dos novos fondos europeos consignados para promover un desenvolvemento sustentable.
A titular de Territorio destacou que "se hai un proxecto destacado que permitirá intensificar eses fondos é o Plan de Saneamento Local na ría de Pontevedra", un programa que ten por obxectivo optimizar o funcionamento do sistema de saneamento (as redes de saneamento, as estacións de bombeo,os tanques de tormenta) e a ampliación do servizo da EDAR de Praceres.
A responsable de Medio Ambiente lembrou que Galicia é un "modelo no aproveitamento dos fondos comunitarios destinados a infraestruturas hidráulicas", xa que as axudas europeas do período 2007-2013 supuxeron unha inxección de 332 millóns de euros para infraestruturas hidráulicas na comunidade a través das distintas administracións.