O Diario Oficial da Unión Europea publicará nos vindeiros días o regulamento polo que se aproba de xeito definitivo a protección da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) 'Ribeiras do Morrazo', que afecta ao viño producido en terreos de Bueu, Marín, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Cangas, Moaña e Redondela. O trámite é xa o último que faltaba e permite finalizar un proceso que comezou no ano 2014.
A información facilitoulla a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, a representantes da IXP durante unha reunión celebrada este martes, segundo informou a Xunta de Galicia a través dun comunicado.
Ángeles Vázquez explicou aos adegueiros que a Comisión Europea procederá ao rexistro de 'Ribeiras do Morrazo' como nova indicación xeográfica protexida logo de superar o exame realizado, e tras ser publicada a solicitude de rexistro o pasado 5 de agosto de 2017 no DOUE sen que se producise ningunha oposición.
A conselleira agradeceu todo o traballo e esforzo que lle supuxo ao sector consolidar o seu produto e lembrou que Medio Rural xa activou en marzo a protección nacional transitoria, que fixo posible que os viños da colleita deste ano 2017 poidan contar xa coa etiqueta da IXP.
Os viños desta indicación xeográfica protexida son brancos e tintos con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas e cunha boa e equilibrada acidez.
A superficie potencialmente produtora de uvas para a IXP Ribeiras do Morrazo estaría entre 1.000 e 1.500 hectáreas. A uva albariña e a variedade máis representativa e para a súa elaboración son admisibles as variedades brancas caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés. No caso das tintas, admítense brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.
Segundo o rexistro vitícola de Galicia, nesta zona hai 25.414 viticultores, que contan con algo máis de 73.000 parcelas de viñedo. Actualmente hai sete adegas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.