Excarcerada unha condutora ao saírse o seu turismo da vía cando circulaba por Curro

Barro
14 de outubro 2021

O vehículo quedou envorcado na cuneta da estrada AP-0506 e foi necesaria a intervención dos Bombeiros do Parque de Ribadumia para extraer a condutora do turismo

Estrada en Curro, no municipio de Barro Concello de Barro - Arquivo

Minutos antes das 10.30 horas deste xoves, unha muller que conducía un turismo pola estrada EP-0506, á altura da parroquia de Curro, sufría unha saída de vía, por causas aínda non especificadas. O vehículo quedaba envorcado na cuneta da estrada.

Un particular alertaba ao servizo de  emerxencias do 112 Galicia para informar do accidente sinalando que a condutora era incapaz de saír do turismo ao atoparse atrapada polo cinto de seguridade.

Segundo informa o servizo do 112 Galicia, trasladouse a información aos bombeiros do parque de Ribadumia e de Pontevedra, aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico e aos integrantes de Protección Civil do municipio.

Finalmente, a muller foi liberada con axuda dos Bombeiros de Ribadumia, segundo as mesmas fontes. A vítima do accidente foi atendida no lugar do accidente polo persoal sanitario desprazado ata a zona.