"Éxito absoluto de público" no Festaclown de Vilagarcía

O Salnés
26 de agosto 2024

Arredor de 15.000 persoas acudiron aos espectáculos do Festaclown Vilagarcía, entre o 19 e o 24 de agosto

Actuación de Miguel de Lucas no Festaclown
Actuación de Miguel de Lucas no Festaclown / Culturactiva

Unhas 15.000 persoas asistiron aos espectáculos de circo, maxia, clown, teatro e contos organizados nesta novena edición do Festaclown, celebrado do 19 ao 24 de agosto en Vilagarcía. 

Desde a organización destacan que a pesar da choiva que acompañou o festival nalgúns días, e o cambio de datas respecto a anos anteriores, conseguiron manterse as cifras de asistentes, o que consolida ao Festaclown entre o público vilagarcián e visitante e manteno como "o festival de artes circenses máis relevante no panorama escénico galego".

O público de Festaclown, que cada edición valora os espectáculos para escoller aos galardoados, premiou ao mago Miguel de Lucas na Mostra Festaclown, na que participaban todos os espectáculos da noite, cunha valoración de 4,94 sobre 5. Esta cifra amosa o abraio e satisfacción do público co seu espectáculo Maxia e Humor, que pechou o Festaclown o sábado á noite. Os espectáculos acadaron, en xeral, moi boas valoracións por parte do público.

Pola súa banda, no Certame Festaclown, no que competían os espectáculos da tarde, resultou gañadora a compañía galega Muu, co seu espectáculo de superheroes Crunch 2, que encantou ao público máis cativo.

Coa resolución destes premios ponse o feche a esta edición de 2024, na que participaron 20 compañías e artistas procedentes de diferentes puntos de Galicia e do estado, así como doutros países, como Colombia, Marrocos ou Arxentina.