O poder de convocatoria da camelia é cada vez maior. A Deputación Provincial de Pontevedra fai un balance de éxito rotundo do LV Concurso Exposición Internacional da Camelia que se celebrou durante esta fin de semana e recibiu unha avalancha de visitantes de toda Galicia e do exterior. Así, hai constancia de persoas chegadas desde distintas partes de España, pero tamén de Portugal, Francia ou China.
A mostra, organizada pola Deputación no Recinto Feiral de Pontevedra, estivo aberta na tarde do sábado e durante toda a xornada do domingo e tivo un grande poder de convocatoria tanto de persoas interesadas en coñecer as flores gañadoras como de quen participou nas diferentes actividades programadas.
Todas as actividades tiveron un cheo absoluto. De feito, a deputada responsable da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, manifestou a súa satisfacción pola resposta do público, que unha vez máis demostrou que a Exposición Internacional da Camelia é unha cita referente para o sector e para as persoas cultivadoras de camelias.
Vilaverde salientou, así mesmo, o éxito que tiveron as xornadas técnicas celebradas o domingo sobre 'Patoloxías e afeccións sanitarias máis habituais na camelia, método de control', a cargo do doutor enxeñeiro de Montes Pedro Mansilla; e sobre 'O cultivo da camelia como especie restauradora en zonas forestais', a cargo da xefa de servizo de Areeiro, Carmen Salinero.
Ademais, púidose constatar, segundo destaca Eva Vilaverde, que "cada vez hai máis interese por parte do público sobre os produtos que se obteñen da camelia: o té e o aceite. Neste sentido, engade que "agora tócanos traballar e difundir as potencialidades que a camelia pode ter para o monte, xa que as Rías Baixas é un dos lugares do mundo onde mellor se produce, e vendo a grande asistencia ás charlas, que se celebraron este ano por vez primeira, estamos satisfeitas de termos aberto o camiño".
Entre os asistentes había moitas persoas responsables de comunidades de montes que se achegaron para coñecer as investigacións realizadas polo persoal técnico de Areeiro sobre as potencialidades do cultivo de camelias, tanto dende o punto de vista ornamental como de produción madeireira en zonas forestais.
Neste sentido, Vilaverde destacou a disposición a traballar en conxunto coa Deputación por parte do presidente da Agrupación Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, quen subliñou a posibilidade de asinar un convenio de colaboración para fomentar a plantación de camelias en terreos de man común.
Outra das actividades que despuntou na LV Mostra da Camelia foi a cociña en directo do chef do Grupo Nove Iñaki Bretal, que repartiu 180 degustacións de pratos elaborados con camelia no showcooking celebrado o sábado.
Na xornada do domingo tamén houbo un éxito absoluto de asistencia na presentación do libro 'Xardíns históricos da provincia de Pontevedra', na que non só se completou o aforo previsto, senón que houbo ducias de persoas que tiveron que permanecer de pé para escoitar aos seus autores. Os 200 exemplares repartidos pola Deputación, editora dos exemplares, esgotáronse en cuestión de minutos.