O goberno municipal de Caldas de Reis cualifica como un "éxito sen precedentes" a Festa da Primavera que se celebrou no municipio desde o pasado venres. Marcaron un récord de participación, ao atraer a case 30.000 persoas.
O tenente de alcalde, Manuel Fariña, impulsor dunha festa na que houbo DJ, verbenas, inchables ou unha festa da escuma, celebrou que "se superaron todas as expectativas" e a xente inundou a explanada da Tafona para participar en todas as actividades.
Fariña non dubidou en sinalar que foron unhas festas "marabillosas” nas que non houbo evento que non tivera unha asistencia masiva, moi especialmente e como xa era previsible, o concerto da orquestra Panorama, "con ríos de xente entrando polos accesos principais".
"A festa foi un revulsivo para Caldas", subliñou o concelleiro nacionalista, que subliñou o impacto que este evento tivo na actividade económica da vila, en particular en sectores como a hostalería, que tivo os locais cheos ata a bandeira.
En concreto, o tenente de alcalde destacou a celebración o venres do Kalidas Primavera Fest, unha novidade con moita aceptación que permitiu ampliar un día de festa, ou a elección de Alkar para a xornada do domingo, orientada a un público de máis idade.
Tamén sinalou como un acerto ter organizado, en substitución das barracas, unha xornada para nenas e nenos con inchables e unha festa da escuma que, aproveitando o día de calor, encheu de rapazada, pais, nais e avós e avoas todo o ámbito da Tafona.
A pesar da gran concentración de público a festa transcorreu con tranquilidade e con ausencia de incidentes e disturbios no perímetro de seguridade do recinto.
Así, Fariña agradeceu o labor da Policía Local e Protección Civil e salientou tamén o despregue do servizo de limpeza, que se empregou a fondo ao longo de todos os días da celebración para ter o recinto en perfectas condicións durante os días de celebración da festa.
Para Manuel Fariña a organización desta edición da Festa da Primavera marca a liña a seguir para vindeiras edicións, "primando a calidade das propostas para todos os públicos e a seguridade da veciñanza".