O paso dos Reis Magos por Poio deixou este xoves imaxes que recordan á normalidade pre pandemia. Como era habitual antes da crise sanitaria, os encontros con Melchor Gaspar e Baltasar resultaron multitudinarios e cheos de expectación e apertas.
A primeira parada de Melchor, Gaspar e Baltasar foi pouco antes das 11.00 horas no Casal de Ferreirós. Crianzas e maiores non deixaron pasar a oportunidade de saudar aos Reis Magos, que desde Ferreirós iniciaron, nuns vehículos preparados para a ocasión, a súa rolda de visitas polas parroquias do concello.
O Parque Rosalía de Castro, o Adro de San Salvador, o Parque de Costa Xiráldez (Lourido), a Praza da Ganxa (Campelo), a Praza da Chousa (Combarro), a Praza Alfredo Romay Besada (Samieira) e o porto de Raxó foron algunhas das paradas antes de chegar ao Concello de Poio ás dúas da tarde e manter un encontro co alcalde, Luciano Sobral e membros do Goberno local. Desde alí realizaron o tradicional saúdo desde o balcón do Consistorio
Pola tarde, fixeron un percorrido pola PO-308 a partir das 16.00 horas desde Ferreirós ata Raxó e, desde aí, a comitiva puxo rumbo cara a unha carpa instalada na zona da Seca.
Na Seca, grandes ringleiras de familias agardaban para poder estar cos Reis Magos e achegarse a eles para abrazalos e trasladarlles as súas peticións de agasallos.