Expectación en Ponte Caldelas ante o seu primeiro desfile de entroido en xuño

Ponte Caldelas
07 de xuño 2017

O Concello asegura que está a recibir "numerosas chamadas de petición de información desde diferentes puntos de Galicia" para participar no desfile que se celebrará o sábado 17 de xuño

Desfile do Entroido en Ponte Caldelas 2016
Desfile do Entroido en Ponte Caldelas 2016 / Carlos Xerardo Casais

É o primeiro ano que Ponte Caldelas desdobra o seu entroido, cunha edición de inverno baixo teito e outra de verán que terá o seu gran día de celebración o vindeiro sábado 17 de xuño.

É a data na que se celebrará o gran desfile de entroido, que segundo o goberno local, está provocando "numerosas chamadas de petición de información desde diferentes puntos de Galicia", o que fai pensar nunha alta participación de grupos e comparsas.

As inscricións, abertas ata o próximo día 15 de xuño, marchan "a bo ritmo", estando as bases do desfile e premios na web do Concello.

Neste aspecto, os premios, o importe total destinado para ese efecto chega aos 4.000 euros. Así, na categoría de comparsas os cinco primeiros clasificados levarán 1.000, 600, 450, 400 e 350 euros de recompensa, mentres en grupos os premios serán de 300, 250, 200, 150 e 120 euros e para disfraces individuais ou de parella de 100, 70 e 50 euros aos tres primeiros clasificados.

"Agardamos unha gran afluencia de xente de toda a bisbarra e tamén de Pontevedra e Vigo, porque teremos un evento que se significa e supón unha alternativa de lecer moi interesante para ese día", sinalou o alcalde Andrés Díaz.

Outra das novidades do desfile será o seu lugar de saída, xa que partirá desde o Paseo da Calzada ás 21:00 horas. Despois, a festa continuará cunha actuación musical na Alameda a cargo da orquestra Foliada.