Vinte e un anos despois os campamentos de voluntariado ambiental regresaron á illa de Ons. Quince mozos e mozas de entre 18 e 30 anos participaron nesta experiencia piloto que se desenvolveu durante a segunda quincena de xuño.
Foi un período durante o que estiveron baixo a supervisión de persoal técnico ao servizo do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Todas as actuacións nas que participaron os voluntarios durante a súa estadía no arquipélago tiveron como denominador común que estaban deseñadas para responder ás necesidades de xestión do propio espazo protexido.
Neste sentido, entre os traballos acometidos destacaron labores de conservación e mellora ambiental que incluíron a restauración de hábitats propios, o control de especies exóticas invasoras, a recuperación de elementos etnográficos ou a protección da biodiversidade.
En concreto, os participantes realizaron labores de limpeza vexetal e acondicionamento da contorna no antigo lavadoiro dos Tritóns e no lavadoiro da Lagoa dos Anfibios.

Ademais, eliminaron diferentes especies de flora invasora, limparon praias de residuos tanto de orixe mariña como terrestre e participaron nos labores de limpeza integral e de recuperación do antigo manancial da área de Caniveliñas.
Esta última foi unha das intervencións máis complexas ante a imposibilidade de poder acceder á zona con maquinaria.
A maiores, tamén se organizaron actividades complementarias como rutas interpretativas, observación da paisaxe e visitas ao Castelo dos Mouros, á Cova da Loba, ás salgaduras romanas e a outros elementos patrimoniais.
Todas estas actuacións, destacan desde a Xunta de Galicia, tiveron un impacto ambiental positivo na contorna e proporcionaron aos participantes unha experiencia práctica directa en xestión da natureza nun ecosistema emblemático e de gran riqueza ambiental.
Cada acción respondeu ás prioridades reais de conservación da illa, consolidando esta iniciativa como unha experiencia formativa de alto valor e un recurso operativo eficaz para a preservación do patrimonio natural e cultural de Ons.