Experimentar coas propias mans para descubrir os segredos da ciencia

Pontevedra
31 de maio 2019

Durante este venres e este sábado 1 de xuño, a Escola de Forestais acolle decenas de proxectos de investigación sorprendentes realizados durante o curso escolar e que se amosan dentro da sexta edición da Feira da Miniciencia, que se inclúe no proxecto Pontenciencia 2019

Presentación de proxectos de Primaria en Pontenciencia 2019 / PontevedraViva

A Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra acolle a Feira de Miniciencia, que se establece como a fase final do programa Pontenciencia. Ao longo destas dúas xornadas, máis de 350 estudantes de primaria de dez colexios mostran e explican as investigacións que prepararon ao longo deste curso escolar ante un comité ciéntifico formado por responsables de investigación das distintas facultades do campus.

Na súa inauguración, estudantes de Primaria dos centros CEIP San Martiño, CEE Pontevedra, San Benito de Lérez, Froebel, Sagardo Corazón de Pontevedra, San José, Cabanas, Sacro Corazón de Praceres e Salvador Moreno exhibían os seus experimentos nos que se podía comprobar, entre outros, como a froita pode xerar música, a presenza de bacterias en cristais, a influencia de determinados líquidos na oxidación dun parafuso, a creación dunha prótese dunha man con material reciclado.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Educación, Carmen Fouces, e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, realizaban un percorrido polos diferentes postos realizando preguntas sobre os experimentos científicos que realizaran os estudantes. 

O rexedor pontevedrés considera "asombrosa" a capacidade dos escolares para expor hipóteses, chegar a conclusións e analizar o que pasa desde ver como flotan as cousas para estudar os azucres dos alimentos que o propio alumnado consome ao longo dun día.

"Iso é importante porque lles fai pensar", apuntaba ao indicar que o Concello en colaboración coa consellería de Educación, co Ministerio e coa Universidade de Vigo leva xa seis anos colaborando con esta iniciativa que proporciona unha fórmula para iniciarse non só na investigación senón tamén na oratoria, o traballo en equipo e o respecto aos demais.

A concelleira de Educación, Carmen Fouces, tamén manifestou que este proxecto iniciado para centros de Primaria en relación coa universidade ampliouse a Secundaria porque os propios estudantes ao chegar aos institutos demandaban seguir traballando esta metodoloxía. Desta forma, apuntaba, a feira foise dimensionando. Na mesma liña manifestábase o vicerreitor Jorge Soto ao lembrar que esta cita senta as bases da ciencia do futuro e o obxectivo desde o campus de Pontevedra é incrementar os proxectos e as iniciativas relacionadas coa ciencia no futuro.

Durante a tarde deste venres, mostraranse os traballos realizados por estudantes de Secundaria tanto a través dos seus centros como en proxectos realizados coas súas familias, que optan ao Premio Homenaxe á Muller investigadora.