Experimentos, curiosidade e talento, volven atoparse en Pontenciencia

Pontevedra
06 de maio 2026

Cunha oferta variada e un enfoque inclusivo, Pontenciencia fomenta a cultura científica, esperta vocacións temperás e demostra que a investigación está ao alcance de todos

Presentación de PonteCiencia
Presentación de PonteCiencia /

Pontevedra prepárase para converterse, un ano máis, en escaparate do talento científico novo coa celebración de Pontenciencia 2026. Os días venres 8 e sábado 9 de maio, a Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra acollerá a feira de miniciencia, na que estudantes de distintas etapas educativas presentarán os resultados das súas investigacións e competirán na fase final do Premio Pontenciencia.

Impulsado pola Concellaría de Educación do Concello de Pontevedra, este proxecto busca fomentar o pensamento investigador entre os máis novos e achegar a ciencia á sociedade desde unha perspectiva accesible e atractiva. A iniciativa pon a disposición da cidadanía ferramentas e actividades que promoven unha visión dinámica da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

O programa está estruturado en varias modalidades. O alumnado de educación primaria participa a través de "Ciencia no cole" e "Ciencia en familia", mentres que estudantes de secundaria, bacharelato e formación profesional optan aos Premios de Investigación 2026. A iso súmanse comités científicos integrados por profesorado da Universidade de Vigo e persoal investigador do CSIC, así como a participación activa do público xeral.

Entre os principais obxectivos do proxecto destacan achegar a ciencia á vida cotiá, facilitar a comprensión de conceptos científicos, espertar a curiosidade e o interese pola investigación, fomentar a participación cidadá e visibilizar a ciencia entre nenos e adultos. A iniciativa conta con financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A directora da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra, María Angeles Cancela, subliña o valor de Pontenciencia como ferramenta para fomentar vocacións, especialmente entre as mulleres. "Estamos a ter un problema importante no ámbito da enxeñaría, onde cada vez hai menos alumnas. Este tipo de iniciativas permite que coñezan de primeira man como é unha escola e contribúe a manter viva a faísca da ciencia entre as novas", afirma.

Cancela tamén destaca o alto nivel dos traballos presentados xa que "non é algo anecdótico, senón moi serio, ben exposto e desenvolvido, incluso tendo en conta a curta idade dos participantes".

Pola súa banda, o director do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC), Pablo Otero Tranchero, resalta a importancia de xerar vocacións científicas vinculadas ao mar nunha comunidade como Galicia. "Somos un referente en investigación mariña e pesqueira, con máis de 100 anos de traxectoria. Iniciativas como Pontenciencia son chave para asegurar a substitución xeneracional e o futuro dos nosos recursos", sinala, lembrando ademais a creación dun premio específico en investigacións mariñas.

O concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, pon o acento nos valores que transmite a ciencia: "Require esforzo, traballo, paciencia e método, pero ofrece resultados enriquecedores para a sociedade e para o desenvolvemento persoal".

Nesta edición, a participación foi especialmente destacada: oito centros de primaria presentan dez proxectos, cinco familias concorren con seis iniciativas e cinco centros de secundaria, bacharelato e FP achegan once traballos.

Ademais da exposición de proxectos, a feira contará con talleres dirixidos tanto aos participantes como ao público asistente, co obxectivo de ampliar horizontes e descubrir novos ámbitos de coñecemento.

A responsable técnica de Pontenciencia, Saleta González, adianta algúns dos traballos máis destacados desta edición. Entre eles, unha investigación do CEIP Xunqueira II sobre Alfonso X o Sabio, abordado como un "influencer do século XIII" a partir do estudo das súas cantigas. Tamén sobresae a participación do Centro de Educación Especial Cidade de Pontevedra, que analizará o contido de azucre en bebidas en igualdade de condicións co resto de participantes.

No ámbito familiar, presentaranse proxectos sobre o impacto dos vapeadores, desmontando mitos sobre a súa suposta inocuidad, así como estudos relacionados co mar como a filtración de moluscos ou a acidificación, o desenvolvemento de bioplásticos para viveiros ou a influencia do solo na cor das hortensias.