Expertos analizarán no Liceo Casino o incremento de casos de cancro de colon en Pontevedra

Pontevedra
11 de maio 2015

A primeira xornada sobre innovación, participación, investigación e nexos de unión centrados no doente oncolóxico vai desenvolverse este xoves 14 de maio a partir das 10.00 horas no Liceo Casino, aberto a todo o público que queira asistir

A presidenta da AECC Pontevedra, María José Crespo e o xefe do servizo de Oncoloxía de Pontevedra, Manuel Constenla
A presidenta da AECC Pontevedra, María José Crespo e o xefe do servizo de Oncoloxía de Pontevedra, Manuel Constenla / Mónica Patxot
O xefe de Oncoloxía en Pontevedra alerta do incremento de casos de cancro de colon rectal /

Nos hospitais de Pontevedra trátanse 910 casos novos de cancro ao ano, unha cifra que se foi incrementando na última década. No 2000 tratábanse 600 casos anuais. Este ascenso tería a súa causa, entre outras alternativas, en que se envían ao servizo oncolóxico casos de pacientes con idades avanzadas que antes se daban por imposibles, segundo apuntou o Xefe do servizo de Oncoloxía da área sanitaria norte de Pontevedra, Manuel Constenla.

Con estes datos faise cada vez máis necesaria a investigación sobre esta enfermidade e, por este motivo, a Asociación contra o Cancro puxo en marcha a primeira xornada sobre innovación, participación, investigación e nexos de unión centrados no paciente oncolóxico que se desenvolverá no Liceo Casino o próximo xoves 14 de maio dende as 10.00 ata as 18.00 horas.

O que se busca nesta xornada, segundo Manuel Constenla, é xerar coñecemento na comunidade médica de como poden aproximarse á investigación oncolóxica e á sociedade. Precisamente o Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, será o encargado de abrir as sesións cunha lección magsitral sobre a importancia de investigar o cancro. A continuación, será o propio Manuel Constenla quen ofreza unha conferencia sobre a innovación na oncoloxía.

A partir das 12.30 horas desenvolverase unha mesa debate sobre as novas estratexias para a detección precoz, tratamentos e medicina personalizada e a importancia da prevención no cancro de colon, que na actualidade é o que presenta máis casos en Pontevedra, seguido polo de mama e, en terceiro lugar, polo de pulmón. Os tres constitúen o 80% dos casos que se diagnostican nos hospitais desta área hospitalaria.

O director xerente do complexo hospitalario de Pontevedra, José Manuel González, ofrecerá tamén unha intervención sobre as vías rápidas que, segundo o xefe do servizo de oncoloxía, permite nestes momentos que a lista de espera "sea casi cero". Constenla indica que este sistema permite que unha persoa á que se lle detectou un tumor sexa observada dun día para outro.

O xefe de Oncoloxía lamentou que non exista un rexistra poboacional do cancro que permitira analizar comparativamente a presenza de tumores nunhas localidades fronte a outras para realizar estudos. Segundo Manuel Constenla, a causa pola que este rexistro non existe débese á falta de decisión política porque, segundo expón, "no produce una rentabilidad inmediata".