Expertos en parásitos xuntaranse en Pontevedra para analizar as enfermidades que transmiten

Pontevedra
27 de xuño 2019

Expertos en parasitoloxía, entre eles os máis importantes de España e investigadores chegados de Portugal, Italia, Brasil, Venezuela ou Bolivia, participarán na XXI edición do congreso da Sociedade Española de Parasitoloxía (Socepa) e Intereuropeo de Parasitoloxía que se celebrará en Pontevedra entre os días 3 e 5 de xullo

Cristina Arias, presidenta do comité organizador do congreso
Cristina Arias, presidenta do comité organizador do congreso / Universidade de Vigo

Expertos en parasitoloxía, entre eles os máis importantes de España e investigadores chegados de Portugal, Italia, Brasil, Venezuela ou Bolivia, participarán na XXI edición do congreso da Sociedade Española de Parasitoloxía (Socepa) e Intereuropeo de Parasitoloxía que se celebrará en Pontevedra entre os días 3 e 5 de xullo.

O evento, que terá lugar no Pazo da Cultura, analizará especialmente o efecto das enfermidades transmitidas por parasitos como a malaria, a leishmaniose, a triquinose, a toxoplasmose ou as chagas.

Ademais, afondarase nos múltiples ámbitos de traballo dunha disciplina que estuda os parasitos e a súa influencia na saúde humana e animal, como explicou a presidenta do comité organizador, Cristina Arias, na súa presentación.

Dez mesas redondas e a presentación de máis de 250 comunicacións e paneis integran o programa dun evento que porá o foco en múltiples ámbitos de estudo, como os tratamentos e resistencias, "xa que os parasitos adáptanse con moita facilidade aos medicamentos", a loita e control dos chamados vectores, os animais que transmiten as enfermidades ou os procesos parasitarios en produción animal e as patoloxías que poden transmitirse a humanos.

O congreso contará así mesmo cunha mesa centrada na leishmaniose e na enfermidade de chagas, á vez que abordará os problemas que as enfermidades transmitidas por parasitos poden supor na acuicultura.

A reposta inmunitaria e a vacinación, a diagnose e a presenza de parasitos no medio ambiente e nos alimentos serán outros dos temas de análise nun congreso que dedica así mesmo unha das súas mesas a debater sobre a propia situación da docencia neste ámbito en España.

No programa do congreso figura tamén a IV Xornada de Novos Investigadores, dirixida a dar visibilidade aos estudos de novos especialistas, a través dunha mesa redonda centrada nas relacións entre parasito e hospedador.

Por outra banda, o congreso incorpora por primeira vez ao seu programa un concurso de fotografía, que manterá aberta a presentación de imaxes ata a propia apertura do congreso.