Exposición exclusiva de encaixes no Encontro de Palilleiras deste domingo no Pazo

Pontevedra
19 de abril 2016

Máis de 1.200 palilleiras xa están apuntadas para esta nova edición do Encontro, que se abrirá cun curso de encaixe ruso e que contará con participantes de toda Galicia e doutros puntos como Zamora 

Representantes da asociación A Fieitiña co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores
Representantes da asociación A Fieitiña co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores / Mónica Patxot

Xa se converteu nunha cita clásica. Este domingo 24, as palilleiras volven mostrar as súas habilidades no Recinto Feiral do Pazo da Cultura. Máis de 1.200 apuntáronse a esta undécima edición que se desenvolverá desde as 10.00 horas ata as 20.00 horas, organizado pola asociación A Fieitiña.

Este martes 19, a tesoureira e a secretaria da asociación A Fieitiña, Esperanza Marín e Tere Pérez, reuníronse co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Previo ao encontro desenvolverase un curso de encaixe ruso, que impartirá unha profesora británica.

Esperanza Marín apuntou que conxuntamente se organiza unha exposición exclusiva para este evento para a que se realizaron "palillóns" únicos que mostrarán ao encaixe típico galego e tamén se poderán ver pleitas, puntillas que se realizaban en 1800. Esta mostra poderase ver ao longo de todo o Pazo da Cultura con "sorpresas", segundo explicaron desde a organización.

Os participantes nesta edición proceden de diferentes puntos de España. Esperanza Marín sinalou que desde Zamora virá un autobús con 55 persoas que intervirán no encontro.

Segundo as integrantes da Fieitiña, os primeiros encaixes de Pontevedra proceden de Vilanova de Arousa no século XVII e que se vendían nos mercados que se realizaban na Ferrería.