Expulsado un concelleiro do BNG de Moraña por unha denuncia de violencia machista

Umia
18 de decembro 2025

A Executiva Nacional do Bloque actúa de forma inmediata e pídelle a Rubén Fernández a devolución da acta como concelleiro de Moraña

Rubén Fernández cando foi presentado nas listas do BNG de Moraña BNG de Moraña - Arquivo

 A Executiva Nacional do BNG decidiu suspender de militancia e solicitar a dimisión do concelleiro de Moraña Rubén Fernández Monteagudo, tras ter coñecemento dunha acusación de violencia machista.

A decisión, tomada de forma unánime o 15 de decembro, prodúcese despois de que a dirección da formación nacionalista fose alertada o día anterior por unha persoa da contorna persoal da vítima.

A dirección do BNG actuou de maneira inmediata ante a gravidade dos feitos. O acordo inclúe a comunicación directa a Rubén Fernández da súa suspensión de militancia e a petición formal de que entregue a súa acta como concelleiro no Concello de Moraña.

No momento dos feitos, Fernández Monteagudo non ostentaba ningún cargo nin responsabilidade política dentro da organización, malia que foi responsable local ata 2023.

Paralelamente, o BNG estableceu contacto coa vítima para trasladarlle o seu apoio "total e rotundo", ofrecéndose a asumir as súas indicacións na xestión da comunicación pública deste asunto co obxectivo de protexer o seu dereito á intimidade e privacidade.

A formación nacionalista reafírmase na súa política de "tolerancia cero" coa violencia machista, sexa cal sexa a súa orixe ou a persoa acusada, e anima a calquera vítima a denunciar, sen importar cando aconteceran os feitos.

A pesar de que a denuncia non se presentou formalmente a través da canle interna habilitada polo BNG, a comunicación verbal motivou a rápida reacción da dirección.

O Bloque dispón dun Protocolo contra as violencias machistas en vigor desde 2021, público na súa web e difundido periodicamente entre a militancia, que ata a data non se activara.

Ademais, a formación lembra que conta cunha canle de denuncia aberta a calquera persoa, militante ou non, para denunciar calquera tipo de asunto, incluída a violencia de xénero.