Expulsado do exame teórico de conducir por tentar copiar cun teléfono e un mini auricular

Pontevedra
02 de febreiro 2021

Primeiro tentouno en Tarragona e logo en Pontevedra. En ambos os casos, saíulle mal. Un home de 44 anos foi excluído xa en dúas ocasións das probas para superar o exame teórico do permiso de conducir por tentar copiar utilizando medios técnicos. Ten domicilio en Tarragona e orixe paquistaní

Material utilizado durante o exame
Material utilizado durante o exame / Guardia Civil de Pontevedra

Primeiro tentouno en Tarragona e logo en Pontevedra. En ambos os casos, saíulle mal. Un home de 44 anos foi excluído xa en dúas ocasións das probas para superar o exame teórico do permiso de conducir por tentar copiar utilizando medios técnicos. 

O home, con domicilio en Tarragona e orixe paquistaní, xa fora sorprendido en Tarragona o pasado mes de novembro e o pasado venres 29 de xaneiro volveron descubrilo en Pontevedra. Nas dúas ocasións usaba o mesmo sistema e foi excluído da convocatoria.

Segundo a información facilitada pola Garda Civil de Pontevedra, persoal da Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra que realizaba exames para a obtención do permiso de conducir solicitou a súa presenza no punto de exames tras detectar unha presunta irregularidade.

En concreto, a este home detectáronlle un teléfono móbil no interior da roupa, colocado coa cámara aberta, unha tarxeta  bluetooth e un  mini auricular na orella que utilizaba para a realizar o exame teórico, motivo polo que se procedeu á súa exclusión da convocatoria.

Compoñentes do Grupo de Investigación e Análise de Tráfico ( GIAT) do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra procederon á súa identificación e comprobaron os antecedentes nos exames da Xefatura Provincial de Tráfico de Tarragona.

É frecuente que os compoñentes do  GIAT do Subsector de Tráfico realicen controis sobre os cidadáns que realizan as probas do exame teórico do permiso de condución, sobre todo daqueles procedentes de países estranxeiros, debido a que non é a primeira vez que se emprega este tipo de método, mesmo suplantacións de identidade nalgúns casos.