Expurgo de documentos na sede da Cámara de Comercio

Pontevedra
09 de xuño 2017

A presenza dunha furgoneta dunha empresa especializada na destrución de documentación confidencial nas inmediacións da sede da Cámara de Comercio chamou a atención dos transeúntes nos últimos días. A entidade confirmou que estaban a realizar tarefas de limpeza de documentos antigos

Furgoneta da empresa especializada en destrución de documentación ante a Cámara de Comercio
Furgoneta da empresa especializada en destrución de documentación ante a Cámara de Comercio / Mónica Patxot

A presenza dunha furgoneta dunha empresa especializada na destrución de documentación confidencial nas inmediacións da sede da Cámara de Comercio de Pontevedra chamou a atención dos transeúntes nos últimos días. O trafego de traballadores enchendo o vehículo de archivadores e documentos comezou o martes e continuou este xoves. A entidade cameral confirmou que estaban a realizar tarefas de limpeza de documentos antigos. 

O ex presidente da desaparecida Cámara de Comercio de Pontevedra, agora vicepresidente da Cámara de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, Eduardo Barros, explicou que contrataron unha empresa especializada para realizar unha tarefa de limpeza que permita desfacerse da documentación máis antiga da entidade e que xa non se utiliza nin é necesario gardar. Ao tratarse de documentación oficial, non se pode tirar directamente, senón que a lei obriga a contratar o servizo a especialistas. 

Segundo puido comprobar PontevedraViva, os traballadores da empresa Destrudat, coa axuda do persoal da Cámara, sacaron da sede situada na rúa Xardíns de Vincenti unha inxente cantidade de documentación que foron metendo na súa furgoneta. 

Ademais, Eduardo Barros confirmou que tamén se tirou material de oficina ou mobles inservibles e estanse realizando tarefas de mellora das instalacións. O ata agora secretario da Cámara de Vilagarcía fíxose cargo da sede pontevedresa e tomou a decisión de expurgar a documentación inservible e acondicionar as instalacións. 

Esta tarefa de expurgo nada ten que ver, segundo sinalan desde a Cámara, cun futurible traslado da Cámara a outras instalacións. A sede actual é propiedade da entidade e, tras a fusión das tres cámaras de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, asumiuse o compromiso de manter todas as sedes e ao seu persoal.

Na sede pontevedresa foi despedida a ex secretaria xeral Rosario Lorenzo Pontevedra, tras producirse unha perda de confianza da nova directiva sobre a súa persoa ao ser condenada polos delitos de negociacións prohibidas a funcionarios e suborno. Ela recorreu o despedimento, pero o Xulgado do Social de Pontevedra validouno nunha sentenza recente.

O persoal da Cámara xa se vira mermado nos últimos anos co polémico despedimento de catro traballadores que, nalgúns casos, aínda están nos tribunais. De feito, o seu despedimento deu lugar a un procedemento cuxa vista oral estaba prevista para esta semana no Xulgado do Penal de Pontevedra contra Lorenzo e o ex presidente da Cámara, Antonio Gómez Rivera, por un delito contra a Administración de Xustiza en concurso con outro de prevaricación administrativa. 

O xuízo celebrarase finalmente a partir do 20 de setembro e está xa finalizada a instrución doutra das causas xudiciais abertas contra ela, neste caso, por fraude de subvencións nun procedemento que tamén se segue contra o ex presidente Ricardo Mirón e o empresario Manuel Cabada.