"Extraordinaria acollida" dos concellos ás caldeiras de biomasa

Pontevedra
07 de febreiro 2014

A Administración provincial levará a cabo este programa de eficiencia enerxética en colaboración coa Xunta de Galicia A Deputación contratará unha asistencia técnica para a elaboración dos 98 anteproxectos de obra e dos correspondentes estudios económicos

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, felicitouse pola "extraordinaria acollida" do plan para a substitución de caldeiras de gasóleo por caldeiras de biomasa que está a impulsar a Administración provincial.

Nestes momentos xa se acadou a adhesión formal de 50 dos 54 concellos que teñen caldeiras de gasóleo nos seus edificios públicos, subliñou este venres, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.

Nos concellos adheridos substituiríanse un total de 98 caldeiras, delas 40 corresponden ás propias casas do concello, 23 a instalacións deportivas e as restantes a bibliotecas, centros sociais ou culturais, escolas infantís ou auditorios.

O obxectivo deste programa, que o presidente da Deputación xa anunciou que se desenvolverá en colaboración e de forma coordinada coa Xunta de Galicia, ten por obxecto conseguir un notable aforro económico (que se estima por riba do 45%) e, sobre todo "promover unha política ambiental respectuosa co contorno e sustentable no tempo". A maiores do aforro económico, a aposta pola biomasa implicará unha redución da emisión de CO2.

ASISTENCIA TÿCNICA

Para avanzar neste programa, a Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha a contratación dunha asistencia técnica que elabore os anteproxectos de obra e os estudos económicos para cada unha das 98 instalacións.

Os anteproxectos incluirán tanto os traballos necesarios para a substitución da maquinaria e da tubaxe dos sistemas de calefacción e auga quente sanitaria, como a obra civil complementaria que resulte preciso realizar para a instalación dos novos mecanismos.