'Faino visible', o alumnado do IES de Poio alerta sobre as violencias machistas

Poio
19 de novembro 2020

O estudantado está a desenvolver durante estas datas unha acción colectiva con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista. A través dunha proposta escénica, estudantes de Literatura Universal de 1º de Bacharelato analizan frases que cuestionan a forma de vivir, vestir ou comportarse das mulleres

Acción contra a violencia machista no IES de Poio
Acción contra a violencia machista no IES de Poio / IES de Poio

O alumnado de Literatura Universal do primeiro curso de Bacharelato do IES de Poio presentaba este xoves unha acción na que se mostran as violencias machistas que sofren as mulleres ao longo da súa vida. Estes estudantes a través da utilización de frases nas que se cuestiona a forma de vivir, de vestir ou de comportarse das mulleres mostran fórmulas que se utilizan para menosprezar as mulleres.

Trátase dunha proposta escénica na que se utilizan diálogos que visibilizan os celos da parella ou a forma na que a sociedade machista analiza a forma de vestir das mozas. A acción finaliza con berros en defensa da muller e do feminismo. A intención desta performance é visibilizar as violencias machistas e recomendar ás mulleres que sofren malos tratos que non o permitan nin o escondan.

Durante este trimestre, esta acción colectiva preséntase ante cursos de primeiro e terceiro de ESO, que traballan esta temática de maneira colaborativa nas titorías dentro das actividades que se desenvolven no centro para promover a igualdade de xénero. 

Tamén se levan a cabo charlas e talleres en colaboración coa concellería de Igualdade de Poio, dentro da programación prevista con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista.

Á acción deste xoves asistían tamén a concelleira de  Igualdade Silvia Díaz; a concelleira de Educación Raquel Rodríguez; e a directora do CIM Raquel Morais. Durante esta xornada, o  Concello de Poio tamén repartiu máscaras co lema da campaña 'Espazo Libre de Violencia Machista' entre as mulleres participantes do curso Navegar  Xuntas non Mundo  Dixital.