A fin de semana dos días 26 e 27 de setembro regresará á Praza de España PonteSán, a maior feira de saúde e benestar de Galicia.
Concebida como un espazo de reivindicación da sanidade pública e un punto de encontro entre as institucións sanitarias, as asociacións de pacientes e a cidadanía, esta feira é xa todo un referente do sector.
Este ano, a temática elixida é 'Información e Desinformación'. A concelleira de Deportes e Benestar Social, Anabel Gulías, explicou que elixiron este tema pola importancia de que tanto a cidadanía como os propios e propias xornalistas poidan "saber onde está o bulo e onde está a información".
O sábado 27 de setembro, ás 11.00 horas, haberá unha mesa redonda cos xornalistas Tamara Montero de La Voz de Galicia, Laura Filloy de gciencia.com e Ana de Luis de Prensa Social, moderada por Juan de Sola, de Onda Cero.
Ademais, a feira pararase a reflexionar sobre a importancia das redes sociais porque, en palabras de Gulías, "aínda que ás veces é un medio no que se pode difundir con moitísimo éxito, a veces é un medio de desinformación".
Analizarán esta temática a través dos influencers Toni Fero (@tonifero), Nuska Chousa (@nuskachousa) e Elena Casado (@medicilio), que, entre todos, superan os 2,5 millóns de seguidores en redes sociais.
A apertura desta quinta edición correrá a cargo do director da Fundación Galega de Medicina Xenómica, Anxo Carracedo. O venres 26, xusto despois da inauguración, ás 11.00 horas, imparatirá a conferencia 'Xenética dos trastornos psiquiátricos'.
O obxectivo de PonteSán desde que naceu en 2020 é ofrecer á cidadanía información sobre saúde, benestar e un estilo de vida saudable dun xeito amable, atractivo e divertido, con obradoiros, actividades e conferencias.
Cobra especial importancia a presenza das asociacións de pacientes con diferentes stands. Este ano participarán medio centenar de asociacións socio-sanitarias, colexios profesionais e clubs deportivos.
María Jesús Monterde, presidenta de CEDDD Galicia (Coordinadora de Entidades de la Discapacidad y Dependencia de Galicia), entidade organizadora, lamentou que "por desgraza" este ano tan só contan coa colaboración económica do Concello de Pontevedra e os recursos da súa asociación a pesar de ser un evento "tan necesario para as persoas con discapacidade e as súas familias ou con dependencia ou con risco de exclusión social". A Consellería de Sanidade colabora a través do Sergas e o Regaps.
Anabel Gulías defendeu que o Concello aposta por "seguir consolidando" esta feira, cos obxectivos de seguir demandando máis investimento para a sanidade pública e a investigación e de manterse como un espazo de encontro de referencia das asociacións socio-sanitarios que "fan un gran traballo de acompañamento, axuda, sensibilización e tamén reivindicativo".
A responsable de CEDDD-Galicia insiste nesta mesma reivindicación do traballo das asociacións, que "fan un traballo de acompañamento e visibilización fundamental".
O programa de Pontesan pode consultarse na web www.pontesan.es.