Armando Guerra, (Pontevedra, 1949-2025), baixista do histórico grupo Black Stones, faleceu este venres 25 de xullo en Pontevedra, despois dunha longa enfermidade, contra a que loitou até o último momento.
Músico e pintor, comezou a súa carreira musical fai uns 60 anos da man dos Phoniks, xunto con Andrés Puga na guitarra solista e Isolino na batería que logo pasarían a formar parte do grupo Royal Juvens Group, ademais de Luís Nodar posteriormente dos Drakkars e Queimada.
A base da música que desenvolvían os Phoniks era fundamentalmente a que compuñan os Beatles, grupo polo que tiñan adoración.
Posteriormente Armando pasa dun grupo a outro durante os seguintes anos até chegar a formar parte de Black Stons no ano 1996 e no que se mantería até o dia de hoxe.
En canto á súa faceta de pintor, Armando Guerra destacou fundamentalmente polas súas obras relacionadas co mar. Temática mariña que destacaba nos seus cadros de tempestades, os barcos, os portos e zonas marítimas.
Por outra banda, tamén dedicou unha parte da súa época pictórica a retratar escenas de personaxes populares en situacións habituais. Así podemos ver obras nas que se representan escenas cotiás nunha taberna, cunha vendedora de peixe ou uns nenos xogando á beira do mar.
O artista levou a cabo durante a súa vida numerosas exposicións individuais e algunhas compartidas moi interesantes na época na que levaron a cabo. Por destacar algunha, a que a mediados do sesenta compartiu co seu entrañable amigo Javier 'Albatros' no que era o antigo Ateneo de Pontevedra.