Falece o avogado e político Gonzalo Adrio Barreiro aos 98 anos

Pontevedra
01 de xaneiro 2018
Actualizado: 17:54

Adrio Barreiro, moi querido e respectado en Pontevedra, ademais de dedicar a súa traxectoria profesional ao exercicio da avogacía, foi unha figura clave no PSOE galego. Foi tamén un gran especialista en temas de memoria histórica. As mostras de condolencia polo seu falecemento están a sucederse

Gonzalo Adrio pronunciaba estas palabras en 2012 na homenaxe aos fusilados do 12-N /
Gonzalo Adrio, tras recibir a Medalla ao Mérito no Traballo
Gonzalo Adrio, tras recibir a Medalla ao Mérito no Traballo

Pontevedra perde un dos seus cidadáns máis ilustres. O avogado Gonzalo Adrio Barreiro faleceu este luns aos 98 anos de idade.

O seu corpo será velado no tanatorio Virxe do Camiño, no antigo asilo da rúa Loureiro Crespo. 

Nacido na Boa Vila o 1 de outubro de 1919, Adrio Barreiro, ademais de dedicar a súa traxectoria profesional ao exercicio da avogacía, foi unha figura clave no PSOE galego. Foi deputado autonómico entre os anos 1985 e 1989 e candidato á Alcaldía de Pontevedra en 1987.

Ademais, foi un gran especialista en temas de memoria histórica. Dedicou gran parte da súa vida ao estudo da ditadura franquista e á visibilización das vítimas represaliadas. En 2004 editou o libro Sin odio, sin rencor pero el recuerdo vivo e, actualmente, preparaba a edición doutro título literario.

Gonzalo Adrio Barreiro, ademais, era unha persoa moi querida e recoñecida en Pontevedra, cidade que en 2003 concedeulle o premio Cidade de Pontevedra, a súa máxima distinción. Oito anos despois, en 2011, o Goberno central entregoulle a Medalla ao Mérito do Traballo.

Desde que se coñeceu a triste noticia do seu falecemento, as mostras de condolencia fóronse sucedendo.

Unha das primeiras referencias públicas foi a de Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. A través da súa conta de Twitter, lamentou a perda dun "referente histórico" do socialismo galego, do que destacou a súa loita contra a ditadura e o seu compromiso co partide durante a democracia.

Tamén o Concello de Pontevedra expresou o seu pesar polo pasamento de Gonzalo Adrio. A súa vida, destacou, estará sempre vinculada a Pontevedra por ser un acérrimo defensor das liberdades e dereitos democráticos, así como polo empeño persoal de recuperar a memoria histórica da cidade.

O goberno recoñece tamén a súa entrega social e súa participación activa na vida política local. Sen dúbida, engaden desde o Concello, Gonzalo Adrio ten deixado unha pegada imborrable na historia da cidade como exemplo de infatigable defensor das liberdades e dos dereitos democráticos para a presente e as futuras xeracións.