Falece o condutor que caeu ao mar co seu vehículo en Vilanova de Arousa

O Salnés
21 de outubro 2023
Actualizado: 13:13

O home, único ocupante do vehículo, foi rescatado inicialmente por Salvamento Marítimo, reanimado polos profesionais sanitarios e trasladado en ambulancia ao Hospital Montecelo de Pontevedra, segundo informa o servizo do 112 Galicia. O suceso producíase arredor das 00.50 horas deste sábado 21 de outubro á altura do peirao preto da lonxa de Vilanova. Finalmente, o home falecía, horas máis tarde, no centro hospitalariospanhelvetica>

Embarcación de Salvamento Marítimo
Embarcación de Salvamento Marítimo / Salvamento Marítimo

Ao redor das 00.50 horas deste sábado 21, o 112 Galicia tiña coñecemento a través dun particular que un coche caera ao mar en Vilanova de Arousa, á altura dos guindastres do peirao, na zona da lonxa. 

A persoa que chamaba indicaba que aínda se vían as luces acesas do vehículo e como flotaba na auga, pero sen que se observara a algún ocupante saír á superficie.

Desde o 112 púxose en marcha un dispositivo de rescate formado polo Servizo de Urxencias Sanitarias 061; Bombeiros de Vilagarcía; Garda Civil; Policía Local; Protección Civil de Vilanova; Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén se alertaba ao persoal de Portos de Galicia e aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil de Cambados, que se desprazaban ata a zona co seu equipo de submarinistas.

Os servizos de emerxencia confirmaron, á súa chegada, que o vehículo permanecía a uns tres ou catro metros de profundidade. No interior atopábase unha soa persoa.

De inmediato, o persoal de Salvamento trasladou unha embarcación para tentar rescatar ao turismo da auga.

Os profesionais sanitarios procederon a evacuar o home cando os mergulladores de Gardacostas conseguiron retiralo do vehículo. Foi reanimado e estabilizado na zona portuaria. Trasladouse nunha ambulancia ao Hospital Montecelo de Pontevedra.

Finalmente, segundo recolle Beni Yáñez no Diario de Arousa, o home falecía horas máis tarde no centro hospitalario.