Falece o primeiro paciente por coronavirus no Hospital do Salnés, elevando a 10 a cifra de mortes na área sanitaria

Pontevedra
06 de abril 2020

Nas últimas horas faleceu un home de 76 anos no Hospital do Salnés que contaba con patoloxías previas, segundo informa a Consellería de Sanidade. En total rexistrouse un incremento de 13 casos con respecto ás cifras do domingo para un total 457 casos activos na área sanitaria pontevedresa

Hospital do Salnés
Hospital do Salnés / Diego Torrado

A cifra de falecidos polo COVID-19 na área sanitaria subiu ata as 10 persoas despois de que nas últimas horas se rexistrara a primeira morte relacionada con este virus no Hospital do Salnés.

Segundo informa a Consellería de Sanidade trátase dun home de 76 anos que presentaba patoloxías previas.

Polo demais en Pontevedra e O Salnés permanecen activos 457 casos de coronavirus, o que supón un incremento moderado de 13 casos mantendo a tendencia das últimas xornadas. Deles 98 están hospitalizados (1 menos), con 84 ingresos en planta (10 no Salnés e 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez).

No que respecta a a Unidade de Coidados Intensivos, a presión sobre a UCI baixou ao contar con 4 pacientes menos que o domingo, con 14 persoas. O resto de casos, 359, permanecen illados nos seus domicilios.

Así mesmo nas últimas 24 horas déronse 2 altas hospitalarias, situando esta estatística nos 63 pacientes curados desde o inicio da pandemia.

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informou que na última actualización o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.342 (+167), dos que 1.071 son da área da Coruña, 563 da de Lugo, 992 da de Ourense, 1.081 da área de Vigo, 871 da de Santiago, e 307 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 168 permanecen en UCI, 939 están en unidades de hospitalización e 4.235 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 610 altas de pacientes e 199 falecementos.

O número de  PCR realizadas é de 30.002.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.