Falece un home de 81 anos con covid en Montecelo, a oitava vítima nunha semana tráxica

Pontevedra
24 de decembro 2021

O paciente atopábase ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e presentaba outras enfermidades no seu historial médico. Trátase da vítima 223 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde o inicio da pandemia. É a única morte da que informaba a Consellería de Sanidade en Galicia neste venres 24 de decembro

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / PontevedraViva

Complétase unha semana dura no balance de falecementos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Desde o pasado venres notificáronse oito mortes de persoas diagnosticadas de coronavirus.

A Consellería de Sanidade notificou este venres 24 de decembro unha soa morte en toda Galicia con covid-19. Trátase dun home de 81 anos, que se atopaba hospitalizado en Montecelo no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, onde as persoas ingresadas teñen unha media de idade de 60 anos e con casos de persoas que están na franxa dos 30 anos.

Segundo os informes médicos, presentaba outras patoloxías previas. Trátase da vítima 223 na área desde que se iniciou a medición de falecementos como consecuencia da pandemia. A anterior morte notificouse o xoves e tratábase doutro home, de 88 anos, que morría no Hospital do Salnés.

Desde o inicio do plan de continxencia por covid-19 curáronse 22.882 pacientes na área sanitaria, 141 máis que na xornada de onte.

Galicia suma 2.473 decesos desde o inicio da pandemia. As autoridades sanitarias lembran a importancia de manter as medidas de hixiene, distanciamento social e utilización de máscaras para evitar a proliferación de contaxios.