Falece un home en Ribadumia ao caerlle unha vigueta dunha viña cando manexaba un tractor

O Salnés
03 de xullo 2024

O accidente producíase na rúa Revolta, na parroquia de Besomaño, e ata o punto desprazouse un helicóptero medicalizado de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 con facultativos que só puideron certificar a morte

Helicóptero do 061 no lugar onde se rexistraba o accidente do tractor
Helicóptero do 061 no lugar onde se rexistraba o accidente do tractor

Tráxico suceso en Ribadumia durante a tarde deste mércores 3 de xullo.

Segundo informa o servizo de Emerxencias 112, un veciño perdía a vida minutos despois das 18.00 horas.

Un veciño que presenciou a escena relatou que o home circulaba cun tractor e impactou contra unha das columnas da viña que se atopa situada na Rúa Revolta, na parroquia de Besomaño.

O golpe provocou que unha vigueta se desprendera caendo sobre o corpo do condutor do tractor. 

Os veciños lograban retirar a vigueta antes da chegada dos servizos de emerxencias.

Ata o punto desprazábase un helicóptero medicalizado de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero os médicos só puideron certificar o falecemento.

Tamén interviñeron os bombeiros do Salnés para finalizar a liberación do corpo da vítima do vehículo. 

Tamén desde o 112 Galicia solicitouse a presenza de servizos sanitarios, Garda Civil de Tráfico, Garda Civil e voluntarios de Protección Civil de Ribadumia.