Unha muller de 81 anos perdía a vida nas últimas horas nun restaurante da Illa de Arousa, segundo recolle o Diario de Arousa.
A muller atragoábase e tivo que ser asistida inicialmente polo persoal do establecemento.
Dende o local chamaron aos servizos médicos de emerxencia. Segundo as testemuñas, tardou corenta minutos en chegar unha ambulancia ao local.
Durante o tempo de espera, as persoas presentes no restaurante intentaron practicarlle unha masaxe cardíaca.
Todos os esforzos foron en van. Cando chegou a ambulancia, os operarios non lograban reanimar á muller, natural da Estrada.
Esta situación prodúcese cando, como outros veráns, a ambulancia medicalizada atópase desprazada á base de Sanxenxo. Medida que suscita críticas políticas e sindicais.
A decisión de trasladar a ambulancia temporalmente a Sanxenxo adóptase, segundo a xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, polo incremento de persoas que se rexistra durante os meses estivais na vila turística.
En setembro, aseguran as autoridades sanitarias, a ambulancia medicalizada regresará á base do Hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa.
VERSIÓN DO SERGAS
Segundo indican desde o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), o servizo da ambulancia do 061 prestado no termo municipal da Illa de Arousa, nun restaurante na Avenida de Castelao na xornada deste xoves 22 realizouse nun tempo de 19 minutos e 28 segundos.
Indican que ese foi o tempo rexistrado desde que entrou a chamada ao 061 e o momento en que se asistiía á persoa paciente, que finalmente falecía.