Unha muller de 39 anos, veciña do municipio de Soutomaior, falecía nun accidente de circulación que se rexistraba na tarde deste sábado 2 na estrada PO-255, no quilómetro 2,200, á altura do Concello de Ponte Caldelas, a dous quilómetros de Caritel.
Ao redor das 15.10 horas producíase a colisión frontal entre dous turismos provocando a morte da muller mentres que o condutor do outro vehículo, segundo a Garda Civil de Tráfico, resultaba ferido de gravidade e foi trasladado a un centro hospitalario. Trátase dun veciño de Ponte Caldelas, de 85 anos.
Desde o servizo de emerxencias alertábase aos bombeiros do Parque de Pontevedra e do Morrazo, ademais de solicitar a colaboración da Garda Civil de Tráfico e dos servizos sanitarios. Foi necesaria a utilización de material para excarcerar os ocupantes dos turismos implicados neste accidente.