Falece unha muller de 69 anos ingresada con covid-19 en Montecelo

23 de setembro 2021

A muller tiña, segundo fontes oficiais do Sergas, patoloxías previas ao diagnóstico da enfermidade do coronavirus. O seu falecemento eleva a 204 o número de pacientes falecidos por este virus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O anterior falecemento rexistrouse o pasado venres, 17 de setembro, un home de 82 anos

Entrada a Urxencias do Hospital Montecelo
Entrada a Urxencias do Hospital Montecelo

Unha muller de 69 anos ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra faleceu este mércores 22 tras dar positivo en covid-19. 

A muller tiña, segundo fontes oficiais do Sergas, patoloxías previas ao diagnóstico da enfermidade do coronavirus. 

O seu falecemento eleva a 204 o número de pacientes falecidos por este virus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O anterior falecemento rexistrárase o pasado venres, 17 de setembro, un home de 82 anos tamén ingreasdo no CHOP e con patoloxías previas. 

O último balance oficial da Consellería de Sanidade tan só recolle unha morte por covid-19 en Galicia este xoves. Trátase desta muller ingresada en Montecelo, aínda que a súa morte produciuse xa o mércores

Este xoves 23 de setembro o balance oficial de Sanidade recolle sete pacientes ingresados con covid-19 na área sanitaria, cinco en planta de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e dous na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.

En total, hai 113 casos activos de covid-19, 17 menos que no anterior balance, tras confirmar en 24 horas catro novos positivos. Aos pacientes ingresados hai que sumar 106 casos que evolucionan illados nos seus domicilios. 

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 21.073 pacientes na área sanitaria.