Un turismo no que viaxaban tres ocupantes saíu da estrada pola que circulaba este mércores no municipio de Caldas de Reis. Como consecuencia do sinistro, informan desde o 112, que un dos ocupantes perdeu a vida e os outros dous resultaron feridos.
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informou que a falecida é unha veciña de Catoira de 77 anos de idade coas iniciais M.C.L. e foron trasladados un home de 53 anos (A.C.C) e un home de 80 anos (A.C.C.).
Segundo informaron testemuñas do suceso ao 112, o vehículo circulaba pola EP-8001 despois de abandonar a AP-9 á altura do lugar de Carracedo.
Ao coñecer o suceso, desde a central de Emerxencias requiriron a asistencia do 061, da Garda Civil de Tráfico, Policía Local de Caldas, Protección Civil e bombeiros de Vilagarcía.
O accidente produciuse ao redor das 17.15 horas deste mércores, 13 de outubro, pero cando chegaron os servizos asistenciais ao lugar non puideron facer nada por salvar a vida da vítima, mentres que as outras foron trasladadas a un centro hospitalario.
As causas do ocorrido aínda se están a investigar.