Cinco membros dunha mesma familia tiveron que recibir asistencia médica este martes tras sufrir unha intoxicación por monóxido de carbono na súa vivenda, situada na parroquia de Gondar, no municipio pontevedrés de Sanxenxo, segundo informaron fontes oficiais do 112 Galicia.
O suceso produciuse pouco antes do sete da mañá, cando un dos afectados contactou co 112 Galicia para solicitar axuda, alertando de que todos os ocupantes do domicilio presentaban un forte mareo.
No interior da vivenda atopábanse dous menores de idade e tres adultos, que compartían síntomas compatibles cunha posible intoxicación.
Até o lugar desprazáronse varias dotacións de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que prestaron atención aos afectados e coordinaron a súa evacuación a centros hospitalarios.
Os dous menores e un dos adultos foron trasladados ao Hospital Provincial, mentres que as outras dúas persoas foron derivadas ao Hospital de Montecelo, en Pontevedra.
O xerente da área Sanitaria de Pontevedra, José Flores, informou que todos eles están a ser atendidos e atópanse "fóra de perigo, evolucionando favorablemente, pendentes de cal vai ser a evolución dentro das próximas doce horas".
Pola súa banda, efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Sanxenxo realizaron medicións no interior do inmoble, confirmando a presenza de monóxido de carbono.
Tras ventilar e examinar a vivenda, os servizos de emerxencia determinaron que a orixe da intoxicación atopábase nun xerador de electricidade instalado no garaxe, cuxa mala combustión reduciría de forma considerable os niveis de osíxeno no interior do domicilio, segundo informou o Concello de Sanxenxo.

As autoridades lembran a importancia de extremar as precaucións no uso de dispositivos de combustión e de garantir unha correcta ventilación para evitar este tipo de incidentes.