A irmá de Soufian Mahra, Iham Mahra, expresou este luns a súa confianza en que o xuízo pola morte do seu irmán sirva para esclarecer os feitos e depurar responsabilidades por este asasinato ocorrido en xuño de 2019 á saída dun local de copas de Salceda de Caselas.
"Afrontamos este proceso con muchísimos nervios y esperando que se haga justicia", afirmou en declaracións aos medios ás portas da Audiencia de Pontevedra, onde comezou o xuízo contra o único acusado deste crime, Florian Rama, un home de nacionalidade albanesa que foi detido cinco anos despois no Reino Unido.
Mahra reclamou que o crime "no puede quedar impune" e lembrou que a vítima tiña 25 anos, con "muchísimos sueños y proyectos por delante" que lle foron arrebatados de forma inxusta.
Neste sentido, sinalou que a familia apoia a petición da Fiscalía e solicita a máxima pena para o acusado, 25 anos de cárcere por un presunto delito de asasinato con aleivosía
A irmá da vítima incidiu na existencia de "numerosas pruebas" que, na súa opinión, sustentan a acusación, entre elas testemuños, probas de ADN e datos de telefonía que situarían ao acusado no lugar dos feitos a noite do crime. "Son muchas las evidencias que se irán viendo durante el juicio", indicou.
Así mesmo, relatou que a orixe do altercado sería o derrame dunha bebida no local onde se atopaban, e defendeu que o seu irmán mantivo en todo momento unha actitude conciliadora.
Segundo a súa versión, ofreceu convidar a outra consumición para evitar o conflito, sen que iso evitase a agresión. "Siempre fue una persona pacífica y no se merecía lo que ocurrió", concluíu.
Segundo o escrito de acusación, os feitos ocorreron sobre as 04:50 horas, cando a vítima se atopaba xunto a varios amigos na terraza do bar La Parchita, en Salceda de Caselas.
Nese momento, o acusdo reprochoulle de forma violenta que lle derramou unha copa. Acto seguido, empuxouno e comezou un forcexo mentres o conducía en dirección á zona do concello.
Durante o traxecto, a vítima caeu ao chan e, segundo a acusación, o atacante extraeu de forma sorpresiva un coitelo co que lle asestou até tres puñaladas en zonas vitais, e logo saíu fuxindo.
O ferido logrou levantarse e saír correndo uns metros detrás do acusado logo parouse nun banco situado fronte ao consistorio onde pouco despois caeu e faleceu debido a unha hemorraxia producida polas feridas causadas por unha arma branca.