Farmacias da provincia crearán unha rede violeta como punto de atención a vítimas de violencia de xénero

Pontevedra
16 de outubro 2025
Actualizado: 14:01

O Colexio de Farmacéuticos e a Subdelegación do Goberno lanzan un programa para que as 437 boticas da provincia poidan ser Puntos Violeta, ofrecendo apoio crucial ás vítimas, especialmente no rural

Presentación da iniciativa para que as farmacias sexan Puntos Violeta
Presentación da iniciativa para que as farmacias sexan Puntos Violeta / PontevedraViva

O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra e a Subdelegación do Goberno presentaron este xoves un programa de intervención do profesional farmacéutico en materia de violencia de xénero, unha iniciativa que busca converter farmacias da provincia nun "Punto Violeta", como espazo seguro e de atención para as vítimas.

O evento, celebrado na sede do Colexio, contou coa presenza de Beatriz García Iglesias, presidenta do Colexio, e Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra.

Beatriz García destacou a orixe desta iniciativa. "Este programa de intervención enmárcase nas accións que desde 2021 vimos realizando para sensibilizar, informar e apoiar a toda a sociedade en temas de violencia de xénero", explicou.

O plan ten dous puntos fundamentais. "Por unha banda, ofrecemos unha formación específica aos nosos colexiados para que coñezan os recursos e saiban como derivar posibles casos", detallou García Iglesias.

E engadiu: "Por outro, estamos a capacitar ás farmacias comunitarias para que funcionen como Puntos Violeta, ofrecendo un lugar de apoio e atención axeitada".

Estas farmacias adheridas serán facilmente identificables cun adhesivo visible. "Así, calquera cidadán saberá que somos espazos seguros onde, ao entrar, podemos activar un procedemento para contactar con todos os axentes que interveñen cando se detectan estas situacións de violencia", afirmou a presidenta.

A coordinación é clave. "Realizaremos accións conxuntas coa Subdelegación do Goberno a nivel local e comarcal. O obxectivo é que todos os axentes implicados –farmacéuticos, forzas de seguridade e Centros de Información da Muller (CIM)– nos coñezamos e coordinemos. Sempre hai que ser rápidos e áxiles para que as vítimas estean protexidas", subliñou García Iglesias.

Abel Losada, subdelegado do Goberno, agradeceu a "iniciativa e a colaboración" do Colexio. Subliñou a "rede capilar" das 437 farmacias, vital para chegar a cada recuncho da provincia.

"Esta iniciativa é pioneira en Galicia, onde non existía ningunha adhesión autonómica á rede de farmacias Puntos Violeta en España", afirmou Losada, resaltando o papel das farmacias como "punto de acceso e punto seguro para mulleres con riscos inmediatos, mesmo vitais".

Losada salientou a "dimensión territorial" do programa, especialmente para as zonas rurais. "En moitos casos, as mulleres do rural presentan características como unha poboación máis envellecida, con menores niveis educativos e menos redes sociais de apoio. As farmacias convértense nun punto de ancoraxe moi importante", explicou.

O programa alíñase co convenio entre o Ministerio de Igualdade e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

Abel Losada, subdelegado do Goberno, e Beatriz García, presidenta do Colexio de Farmacéuticos
Abel Losada, subdelegado do Goberno, e Beatriz García, presidenta do Colexio de Farmacéuticos  PontevedraViva

Entre outras iniciativas, desenvolveranse encontros comarcais para fomentar a coordinación e o coñecemento mutuo entre todos os axentes implicados, asegurando a eficacia da resposta..

Ao redor de 6.000 oficinas de farmacia actúan como puntos de violeta en toda España, Pontevedra será a primeira provincia galega en adherir farmacias a esta rede.