Fase final das obras da senda peonil da PO-549 ao seu paso por Corón

O Salnés
28 de marzo 2023

A súa execución rolda o 80% e supón un investimento da Xunta de 1,1 millóns de euros

Visita ás obras da senda peonil da PO-549 ao seu paso por Corón Xunta de Galicia

As obras de construción da senda peonil da estrada autonómica PO-549 ao seu paso por Corón, no Concello de Vilanova de Arousa entraron na súa fase final. 

A súa execución rolda o 80% e supón un investimento da Xunta de 1,1 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou este martes, acompañado pola xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez, o alcalde, Gonzalo Durán, e o tenente de alcalde, Javier Tourís, o estado desta actuación que, ao seu remate, permitirá conectar a través dun itinerario peonil seguro os municipios costeiros de Cambados, Vilanova, A Illa de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

A obra contempla a construción de senda e reposición de beirarrúas existentes, a reordenación dos aparcamentos e medidas complementarias de seguridade viaria con pasos de peóns e regulación semafórica.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará de xeito inminente as obras dunha nova senda en Caleiro correspondente coas estradas PO-302 e PO-306 cunha lonxitude de 1,4 quilómetros e un investimento estimado de 1,2 millóns de euros.