A noite de Fin de Ano non será como moitos esperaban. Aínda que non quixo desvelar en que consistirán, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que se adoptarán decisións encamiñadas a reducir a interacción social.
Serán medidas "proporcionais e proporcionadas", segundo afirmou Núñez Feijóo, que engadiu que o obxectivo é que se poida manter "baixo control" a presión hospitalaria ante o récord de contaxios que está a provocar a sexta onda da pandemia.
Aínda que recoñece que a situación nos hospitais, polo momento, non é preocupante, o presidente galego entende que a incidencia e a taxa de positividade son "moi altas", polo que, se se mantén ao longo de varios días o incremento de contagios, isto podería cambiar.
"Ata hoxe non impuxeramos ningunha restrición en hostalería nin en ningún outro sector. Imos ver se podemos diminuír a interacción social sen producir efectos moi nocivos no sector servizos e na hostalería", apuntou o dirixente autonómico.
As posibles medidas relativas a Fin de Ano adoptaranse no marco da reunión do comité clínico que asesora á Xunta na pandemia, que se reúne este luns. Os seus acordos comunicaranse mañá martes á opinión pública.
O comité, segundo Núñez Feijóo, "tomará as decisións que teña que tomar", para evitar que esta sexta onda, provocada fundamentalmente pola variante ómicron, provoque problemas no ámbito sanitario e económico.