Feijóo avala a fusión entre Cotobade e Cerdedo: "É unha decisión moi valente e oportuna"

Cerdedo Cotobade
02 de agosto 2016

Un encontro cun centenar de veciños dos concellos de Cotobade e Cerdedo, celebrado na carballeira de San Xusto (San Xurxo de Sacos), foi o lugar elixido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para expresar o seu apoio á fusión que de forma voluntaria expuxeron ambos os concellos e que cualificou como unha decisión "moi valente e moi oportuna"

Encontro de Núñez Feijóo con veciños de Cotobade e Cerdedo na carballeira de San Xusto
Encontro de Núñez Feijóo con veciños de Cotobade e Cerdedo na carballeira de San Xusto / Xunta de Galicia

Un encontro cun centenar de veciños dos concellos de Cotobade e Cerdedo, celebrado na carballeira de San Xusto (San Xurxo de Sacos), foi o lugar elixido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para expresar o seu apoio á fusión que de forma voluntaria expuxeron ambos os concellos e que cualificou como unha decisión "moi valente e moi oportuna".

Acompañado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os alcaldes de Cotobade e Cerdedo, Jorge Cubela e José Balseiros, Núñez Feijóo quixo felicitar ás corporacións e aos veciños de ambos os municipios por dar un paso que supoñerá a súa "supervivencia" como concello "para todo este século XXI".

Con máis de 6.000 habitantes e uns 200 quilómetros cadrados de extensión, o concello resultante desta fusión, segundo o presidente galego, ten viabilidade social, económica e política e persistirá no mapa territorial autonómico "por moitas reformas legais que se fagan a nivel estatal".

Ademais, Núñez Feijóo asegurou que Cotobade e Cerdedo recibirán unha inxección económica de 1,5 millóns de euros grazas á orde de axudas que "cumprindo a palabra dada" saíu publicada este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) e da que se poderán beneficiar os concellos que opten por fusionarse.

"Iso é moitísimo diñeiro para un concello fusionado e supón un antes e un despois desde o punto de vista da viabilidade económica", sinalou o titular do executivo galego.

Alberto Núñez Feijóo sinalou que se en Galicia houbese máis concellos como Oza e Cesuras -os primeiros en fusionarse- ou como Cotobade e Cerdedo "teríamos un mapa territorial máis ordenado e máis racional", polo que reiterou o "respecto" e o "agradecemento" do goberno galego a estes municipios.

O presidente galego lembrou que para completar a fusión entre estes dous concellos pontevedreses débese emitir aínda algún informe "determinante" e ser aprobada por parte do Consello da Xunta.

Neste sentido, Núñez Feijóo lamentou o informe contrario que, tanto técnica como politicamente, emitiu a Deputación de Pontevedra con respecto a esta fusión.

"Os informes teñen que axustarse á lei e cando os concellos fan as cousas conforme á lei os informes non se poden discutir", destacou o titular da Xunta, que espera que os técnicos provinciais rectifiquen e elaboren un ditame "obxectivo e incuestionable", porque o contrario sería unha "inxerencia" da deputación na súa autonomía municipal.

Ademais, criticou a posición política do PSdeG-PSOE por opoñerse a esta fusión cando en Santiago de Compostela "falan de fusionar concellos" ou en Madrid tratan de impulsar unha nova organización territorial e unha reforma constitucional, entre outras cuestións.

"A xente darase conta de que os que se fusionan son concellos do PP e á Deputación non lle gusta que os alcaldes do PP cheguen a acordos", concluíu Feijóo, que recoñeceu que sería "fantástico" unha fusión entre concellos de distinta cor política.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora