Alberto Núñez Feijóo inaugurará o curso político do Partido Popular. Farao, por primeira vez, como líder nacional dos populares. O escenario elixido será, como é habitual, a carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, o vindeiro sábado 27 de agosto.
Coas municipais de 2023 xa no seu punto de mira, o PP espera reunir a máis de medio milleiro de asistentes, entre os que estará Alfonso Rueda, que tamén debutará neste conclave, no seu caso como presidente da Xunta e máximo responsable do PPdeG.
O vicesecretario de organización dos populares galegos, Pedro Rojo, avanzou que este acto de apertura do curso político contará ademais coas intervencións do presidente do PP na provincia de Pontevedra, Luís López, e o alcalde do municipio, Jorge Cubela.
O partido, segundo o dirixente do PP, busca con esta celebración "reafirmar" as súas prioridades "a curto e a medio prazo”, de cara ao próximo curso político, que estará marcado polas eleccións municipais do 28 de maio de 2023.
Para iso, a formación tentará estar "en cada recuncho de Galicia escoitando de primeira man as necesidades dos galegos" para vencer nos 313 concellos da comunidade.
O obxectivo é trasladar aos gobernos municipais a forma de gobernar que se aplica na Xunta e que, segundo os populares, é "modelo de crecemento económico, de estabilidade institucional e de rigor na xestión".