Feijóo, Rajoy, Pastor e Rueda arroupan a Rafa Domínguez na súa reelección para presidir o PP local

Pontevedra
06 de maio 2022

Todos arrouparán a Domínguez na súa reelección durante o XIII Congreso da formación local, no que será, en palabras do protagonista, "un dos días máis importantes da miña carreira política". Preséntase convencido de que "Pontevedra pide cambio", a palabra que emprega como lema da campaña

Presentación de Rafa Domínguez como candidato do PP á alcaldía de Pontevedra en 2019
Presentación de Rafa Domínguez como candidato do PP á alcaldía de Pontevedra en 2019 / Mónica Patxot

Rafa Domínguez contará esta fin de semana con grandes apoios no congreso no que será reelixido como líder do PP local de Pontevedra. O congreso no que o actual presidente en funcións é o único candidato contará coa presenza do actual presidente nacional do partido, Alberto Núñez Feijóo, pero tamén do ex presidente e pontevedrés de adopción Mariano Rajoy

Ao acto, previsto no hotel Galicia Palace de Pontevedra, tamén está confirmada a asistencia doutros dous pontevedreses destacados no Partido Popular, o presidente provincial do partido e candidato único a liderar a formación en Galicia, Alfonso Rueda; e a ex ministra e actual vicepresidenta do Congreso Ana Pastor

Todos arrouparán a Rafa Domínguez na súa reelección durante o XIII Congreso da formación local, no que será, en palabras do protagonista, "un dos días máis importantes da miña carreira política"

Domínguez avanzou que este sábado comezará "un percorrido ilusionante", pois vai presentar o seu proxecto de cambio, acompañado polo seu equipo e ante os afiliados do partido. 

Mentres ultima xa os últimos detalles do congreso, o candidato e presidente en funcións deu as grazas adiantadas a todas as persoas que o van acompañar, nunha xornada que será de "profunda emoción". 

Preséntase á reelección convencido de que "Pontevedra pide cambio", xusto a palabra, "cambio", que emprega como lema da súa campaña. Ante esta nova etapa, asegura que no PP están "máis preparados ca nunca". 

O presidente do acto será o ex alcalde Juan Luis Pedrosa; a vicepresidenta, Raquel Souto; a secretaria, María Treviño; e os vocais, Juan Carlos Abeigón e Francisco Dapena.