Fenosa destina 168.000 euros á construción dun novo transformador e unha liña subterránea en Vilaboa

Vilaboa
08 de novembro 2022

A intervención da distribuidora do grupo Naturgy, UFD, servirá para mellorar a calidade da subministración eléctrica na localidade da Cardiña

Responsables de Fenosa visitan as obras dun novo transformador en Vilaboa co alcalde César Poza
Responsables de Fenosa visitan as obras dun novo transformador en Vilaboa co alcalde César Poza / UFD, distribuidora de electricidad del grupo Naturgy

UFD, a distribuidora de electricidade do Grupo Naturgy, comunica o investimento de 168.000 euros en varias actuacións e obras de mellora de instalacións eléctricas en media e baixa tensión no municipio de Vilaboa.

En concreto, a compañía iniciará en novembro as obras de construción dun novo centro de transformación e unha nova liña de media tensión subterránea de 760 metros para asegurar a calidade do servizo na localidade da Cardiña.

A actuación inclúe ademais o soterramento de 200 metros de liña de baixa tensión, o que permitirá a retirada de parte do tendido aéreo existente, reducindo así o impacto visual do cableado.

A distribuidora inclúe cada ano no seu plan de investimentos actuacións e iniciativas para potenciar as infraestruturas de subministración de enerxía eléctrica e mellorar a rede de distribución, especialmente en zonas rurais. Estas novas actuacións en Vilaboa permitirán aumentar a capacidade da rede de distribución do municipio, ademais de asegurar a fiabilidade da subministración eléctrica e minimizar os tempos de resposta ante calquera incidencia.

O delegado de UFD en Pontevedra, Francisco Ramos, lembrou que “esta nova actuación en Vilaboa engádese á realizada o ano pasado en San Adrián de Cobres e en Nores, onde se investiron ao redor de 200.000 euros en varias obras de mellora da rede de distribución eléctrica, impulsando a calidade do servizo na zona”. 

Pola súa banda, o alcalde de Vilaboa, César Poza, agradeceu á distribuidora que atendese as demandas de mellora do servizo eléctrico xa que Vilaboa é un municipio rural, con moita dispersión de poboación, pero en crecemento.