Unha muller resultou ferida grave tras chocar de maneira frontal contra un camión na N-550, á altura de Salcedo.
O accidente rexistrouse sobre as 13:45 horas no quilómetro 127 desta estrada, segundo informou o 112 Galicia.
A condutora do turismo, que é veciña de Poio, tivo que ser excarcerada polos bombeiros de Pontevedra ao quedar atrapada dentro do coche.
A muller foi traslada ao hospital por unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
O seu prognóstico é moi grave, indicou a Garda Civil, que se fixo cargo da investigación do accidente.
O home que conducía o camión articulado, pola súa banda, resultou ileso.
O accidente, que se produciu nunha hora punta para circular pola N-550, unha das principais entradas a Pontevedra, provocou longas retencións.