Ferida grave unha muller de 86 anos atropelada nun paso de peóns en Poio

Poio
25 de setembro 2023

A Policía Local investiga o accidente e baralla dúas posibles causas, por unha banda a "velocidade inadecuada", como revela a freada de doce metros que deixou o vehículo. Ademais apúntase como outro factor que puido influír neste accidente ao cegamento polo sol ao estar moi baixo

Atropelo na avenida de San Xoán (PO-308)
Atropelo na avenida de San Xoán (PO-308) / Policía Local de Poio

Unha muller resultou ferida grave despois de sufrir un atropelo cando cruzaba un paso de peóns da estrada PO-308 en Poio.

Segundo informaron fontes oficiais da Policía Local de Poio, o suceso ocorreu ás 11.30 horas na avenida de San Xoán.

Unha ambulancia do 061 trasladou á muller ferida a un centro hospitalario cun golpe na cabeza, o seu estado é grave.

Ao lugar do accidente acudiu unha patrulla da Garda Civil. 

A Policía Local investiga o accidente e baralla dúas posibles causas, por unha banda a "velocidade inadecuada", como revela a freada de doce metros que deixou o vehículo. 

Ademais apúntase como outro factor que puido influír neste accidente ao cegamento polo sol ao estar moi baixo. 

As probas de consumo de alcol e de drogas practicadas ao condutor deron un resultado negativo.

A muller é veciña de Poio e estaba a cruzar o paso de peóns co carriño da compra.