Unha muller resultou ferida na mañá deste venres tras sufrir un atropelo en Pontevedra. Segundo informou a Policía Local, en principio, as lesións foron leves.
O incidente ocorreu ao redor do nove da mañá na rúa Jofre de Tenorio, no paso de peóns situado á altura do chalé de Fontoira, edificio que acolle a sede municipal dos Servizos Sociais e Benestar.
Fontes oficiais confirmaron que a vítima foi unha muller duns 70 anos que cruzaba polo paso de peóns e, co impacto do vehículo, acabou debaixo dun coche que estaba aparcado ao carón.
A persoa que conducía, unha muller duns 50 anos, explicou aos axentes da Policía Local que non mirara a muller que ía cruzando.
Segundo informaron axentes da Policía Local desprazados ao lugar, a muller afectada recibiu asistencia sanitaria inmediata e foi trasladada en ambulancia ao Hospital Montecelo para a súa avaliación e atención médica. En principio, o estado é leve, á falta de realizar probas.

As autoridades investigan agora as circunstancias do atropelo para esclarecer como se produciu o suceso.
O atropelo tivo lugar nunha zona moi transitada a esa hora, xa que se atopa nas inmediacións do CEIP Froebel. A coincidencia coa entrada do alumnado ao centro escolar xerou unha notable expectación entre as persoas que se atopaban na contorna.
