Ferido o condutor dun camión de lixo tras envorcar na AP-9 en Barro

Barro
13 de marzo 2021

O accidente produciuse ao redor das 4.15 horas deste sábado. O condutor puido saír do vehículo polo seu propio pé, pero o combustible vertido obrigou a cortar un dos carrís da autoestrada

AP-9, preto da saída de Barro
AP-9, preto da saída de Barro

Unha persoa, traballador dos servizos de recollida de lixo, resultou ferida á primeira hora deste sábado 13 de marzo tras sufrir un accidente na AP-9 ao seu paso polo Concello de Barro.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ao redor das 4.15 horas da madrugada, pola chamada doutro condutor que circulaba en sentido contrario e que se atopou ao camión do lixo envorcado, informa o servizo de Emerxencias.

Os servizos sanitarios desprazáronse ao momento para atender ao condutor, que saíu polos seus propios medios do interior do vehículo.

O alertante indicou ademais que o camión, cargado de lixo, perdía moito combustible, polo que se reclamou a presenza dos Bombeiros do Salnés e do persoal de mantemento da autoestrada.

Debido a esa vertedura, que foi contido polos profesionais, procedeuse ao corte dun carril de circulación da AP-9, en sentido A Coruña, mentres se prolongan os traballos da retirada da carga do vehículo sinistrado.