A Policía Local de Poio informou dun accidente de tráfico rexistrado minutos antes das catro da tarde deste mércores na estrada autonómica PO-308.
O sinistro consistiu nunha colisión entre unha moto e un coche na rotonda do Pazo de Besada. Como consecuencia do impacto o motorista resultou ferido e quedou tendido na calzada sendo trasladado nunha ambulancia do 061 a un centro sanitario.
Segundo a Policía Local de Poio, o accidente ocorreu na Avenida de Andurique e xerou un importante atasco ata que os vehículos foron retirados da calzada.
Non foi o único accidente ocorrido este mércores festivo en Poio, xa que pouco antes das 10.30 horas, na Rúa Esqueiriños, un condutor saíuse da vía co seu coche e derrubou un farol.
A Policía Local iniciou unha investigación para aclarar as causas de sinistro e requirir o pago dos danos causados. "Todo apunta a unha condución temeraria por parte do mozo que conducía o turismo", afirma a Policía Local.
ACCIDENTES EN MARÍN
O Centro de Atención de Emerxencias (CAE) 112 Galicia tamén informou doutro accidente de tráfico cun motorista ferido. Igual que no caso de Poio, o sinistro consistiu nunha colisión entre un coche e unha moto. Ocorreu sobre as 12.15 horas no lugar de Macenlle.
Tamén no concello de Marín, o CAE 112 foi alertado ás 11.50 horas pola caída que sufriu un ciclista no lago de Castiñeiras.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.