O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participou este martes no espazo "Besaya Futura" no centro Caligrama de Torrelavega para expoñer o modelo de cidade na conferencia "Pontevedra, un modelo integral de cidade pensada para a persoas".
"Besaya Futura" é un espazo de análise e debate sobre as oportunidades de desenvolvemento de Torrelavega e a súa comarca, a do Besaya.
O propósito deste foro é escoitar e aprender do testemuño daqueles que aplicaron novas ideas e afrontaron con éxito retos similares aos que quere encarar a comarca do Besaya.
No encontro estiveron o alcalde de Torrelavega, Javier López Estrada, a conselleira de Presidencia do Goberno de Cantabria, Paula Fernández, e deputados autonómicos, concelleiros de Torrelavega tanto do Goberno como da oposición, altos funcionarios municipais de Torrelavega como os responsables dos servizos de Bombeiros, Movilidad, Arquitectura, alcaldes e concelleiros doutras localidades da comarca, arquitectos do Besaya, empresarios.
Segundo informou o Concello de Pontevedra a conferencia de Fernández Lores "levantou moito interese entre os invitados" que quedaron "moi satisfeitos" segundo transmitíronlles os organizadores.
As ao redor de 60 persoas convidadas e asistentes, "chamaron a atención en ter a valentía política para adoptar medidas similares na súa cidade", tal e como lle trasladou a conselleira de Presidencia do Goberno cántabro, quen non dubidou en afirmar que as cidades cántabras "deben ir cara un modelo similar ao de Pontevedra".
En xeral, a expectación pola intervención do alcalde de Pontevedra era "moi alta", tal e como lle trasladou o rexedor de Torrelavega nunha cea oficial na noite anterior.
Javier López, do partido rexionalista, destacou que estudarán o modelo de estacionamento de servizos de Pontevedra e tamén o estudo dos tráficos de paso pola cidade.
A líder da oposición no Concello de Torrelavega, Marta Fernández, do Partido Popular, tamén aplaudiu a intervención e apostou por "asumir o modelo Pontevedra no presente mandato".
A intervención Miguel Anxo Fernández Lores chamou a atención por algunha das súas reflexións como "comprar un coche non equivale a ter aparcamento gratis" ou "hai xente que se lle deixas mete o coche na cama".
"Hai xente que se lle deixas mete o coche na cama"
Lores explicou que o "modelo de Pontevedra" é unha "experiencia transversal que vai desde a mobilidade ata a xestión de residuos, a democratización dos espazos públicos, a cultura e as festas, ou a participación cidadá".
Lembrou que "cada cidade ten que buscar o seu propio camiño tendo claro que o fundamental é mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas".
Na conversación posterior á intervención fixéronse diversas preguntas como a acollida comercial, a queixa dos comerciantes e condutores de Torrelavega sobre a falta de estacionamentos na cidade ou como facer fronte Pontevedra ás novas fórmulas de mobilidade como os patinetes eléctricos. O alcalde convidounos a visitar Pontevedra para coñecer en persoa os logros da cidade, luva que recolleron varios dos asistentes ao foro.